SAÚDO

É unha satisfacción para min darlles a benvida
a todos os internautas que accedan á única páxina web oficial do Narón Balompé.
A través dela pretendemos dar a coñecer todas as actividades sociais e deportivas que a nosa entidade realizou nestes
máis de dez anos de historia e que continúa efectuando nos ámbitos do deporte base e de carácter federativo en Narón.
Nestes anos nos que levamos o nome de Narón por toda a xeografía española, os éxitos deportivos foron continuos e leváronnos a militar, na actualidade, na Terceira División nacional, nunha sucesión continua de ascensos e conquistas deportivas, e coa ansia ineludible de seguir progresando.
Pero este desenvolvemento que o club tivo no eido deportivo supón un esforzo extra para que as estruturas e infraestruturas do club se acomoden ás novas esixencias que nos agardan. Nese proceso atopámonos coa necesidade de crear
e manter esta páxina web, que supon un primeiro impulso na nosa aspiración de actualizar todas as nosas organizacións deportivas e administrativas.
Un primeiro paso ao
que seguíronlle outros — inauguración das oficinas administrativas, campo de herba artificial para o noso fútbol base, etc.— que nos ilusionan e que teñen por obxectivo final poñer o nome do noso club e, polo tanto, o da nosa cidade na órbita do fútbol nacional.
Froito desa aspiración por renovarnos é o desexo de mellorar a calidade do servizo ofrecido aos nosos socios, o cal pasa por un trato exquisito e un aumento nos servizos que se lles prestan. Nese contexto esta web
é un instrumento ideal para optimizar a comunicación e interrelación entre o club e os seus socios e afeccionados, e proporcionará, ademais, información actualizada de todos os nosos equipos, resultados, tenda virtual, etc.
Quero, para rematar, aproveitar a ocasión para agradecer o apoio incondicional que lle brindan ao noso club non só os nosos afeccionados, senón tamén as institucións públicas e empresas privadas que, co seu patrocinio, fomentan e facilitan o noso labor e quefacer diarios.
Así mesmo, aproveitando o impulso globalizador que a internet supón, desexo enviarlles un forte abrazo a todos aqueles cidadáns de Narón que estean residindo, por circunstancias diversas, fóra da nosa cidade, e que espero que vexan e sintan, a través da nosa páxina, un cachiño do seu equipo e da súa cidade.
Un saúdo para todos
Presidente do Narón Balompé
Andrés Gómez Pérez
|